Buscar
  • EQUIOCIO BLOG

Equiocio retoma este mes o seu programa de rutas de sendeirismo pola costa ferrolá


Volve Equiocio. O certame ecuestre e de lecer familiar activa este mesmo mes de marzo a súa programación complementaria de actividades. E faino coa iniciativa “En ruta con Equiocio”, un programa de sendeirismo que, co apoio da Sociedade Cultural Columba, permitirá descubrir distintos espazos do litoral ferrolán durante os meses anteriores ao evento.


A terceira edición deste programa de camiñadas contará cun total de catro rutas diferentes, unha por mes, entre marzo e xuño. A organización aposta por repetir aqueles percorridos que máis trunfaron nas anteriores entregas –a limitación de prazas fixo que, en anteriores ocasións quedara xente en lista de agarda – e por incorporar ademais un novo itinerario guiado polos montes comunais de San Xurxo.


O segundo sábado de cada mes, a partir das 10.30 horas, levarase a cabo un dos paseos. A primeira saída terá lugar o vindeiro día 12. Será a ruta do ouro en Covas. Un percorrido de preto de 8 km e dificultade baixa, con orixe no Campo das Cabazas, escenario en agosto do evento ecuestre, no que os participantes terán a oportunidade de descubrir os vestixios da industria mineira que tempo atrás houbo nesta parroquia ferrolá. Entre o máis destacado, unha explotación a ceo aberto da época prerromana, a de Covarradeiras, hoxe cuberta pola vexetación.


As seguintes citas serán a Volta ao Cabo (9 de abril), unha ruta circular duns 12 quilómetros, pensada para divulgar a riqueza paisaxística, xeolóxica e militar da contorna do Cabo Prior; e a ruta dos xigantes (14 de maio), centrada na observación das impresionantes pedras e formacións rochosas antropomorfas e zoomorfas que existen na zona de Prior.

Por último, e como novidade, o 11 de xuño, desenvolverase a ruta do castro de Lobadiz, que levará aos camiñantes a pasear polo litoral comprendido entre as praias de Doniños e San Xurxo, fronte ás illas Gabeiras. Un espazo costeiro, incluído como os anteriores na rede Natura, que conxuga interese ambiental e arqueolóxico. De feito, nel se atopa o asentamento castrexo costeiro máis grande de Ferrol, con estruturas apreciables a simple vista. Un ben que permanece esquecido.


“Equiocio en ruta”, tal e como apunta a directora do certame, Ana Pérez Lago, pretende contribuír á dinamización turística de Ferrol, facendo especial fincapé na contorna inmediata do evento – la parroquia de Covas-fomentando o coñecemento por parte de visitantes e veciños da comarca, así como o desenvolvemento de actividades físicas. Deste xeito, confirma o seu compromiso de servir para promocionar o xeodestino Ferrolterra- Rías Altas.


INSCRICIÓNS

As rutas contarán con prazas limitadas- un máximo de 30- e haberá que inscribirse a través do mail equiociocomunicacion@gmail.com. Desde xa queda aberto o período para anotarse no primeiro dos percorridos, indicando no correo electrónico os datos persoais e o teléfono de contacto. No caso de menores, terán que ir acompañados dunha persoa adulta responsable (ben sexa calquera de seus proxenitores ou ben outra persoa autorizada por estes).


O ciclo de sendeirismo é unha das apostas Equiocio Consciente, Mar e Terra por desestacionalizar a súa oferta de actividades. Conta co respaldo dos principais patrocinadores do evento - Concello de Ferrol, Xunta de Galicia, Turismo de Galicia, Deputación da Coruña, Gadis e Estrella Galicia- e máis de entidades colaboradoras como Sogama ou a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol.

43 visualizaciones0 comentarios