Buscar
  • EQUIOCIO BLOG

Gadis impulsará en Equiocio un espazo infantil adaptado á nova normalidade

Actualizado: jul 26


Gadis mantén neste 2020 a súa firme aposta por Equiocio Mar e terra. A firma de distribución alimentaria contribuirá a enriquecer a oferta de lecer do certame hípico, centrándose fundamentalmente nas actividades para os máis pequenos e pequenas da casa, a través do espazo infantil Pequeocio. Un lugar para a diversión, adaptado aos novos tempos, seguindo os estritos protocolos marcados polas autoridades sanitarias para garantir o principal, a seguridade.

O Delegado de Área e conselleiro de Gadisa, José Carlos Díaz Arnau, e a directora de Equiocio, Ana Pérez-Lago, subscribían esta mañá, no centro Gadis da rúa María de Ferrol, o convenio que actualiza a estreita relación que, desde fai máis de vinte anos, manteñen a marca e o certame hípico. E facíano acompañados polo primeiro tenente de alcalde de Ferrol e concelleiro de Deportes, Antonio Golpe, en representación do Concello de Ferrol, e máis

polo Director de Responsabilidade Social Corporativa da empresa, Antonio Cortés Lobato.

Así, tal e como figura no acordo, durante a celebración do evento, que se desenvolverá no campo das Cabazas (Covas-Ferrol), entre o 6 e o 9 de agosto, PequeOcio converterase nun territorio reservado para a diversión, as propostas lúdicas, e o contacto coa natureza dos nenos e nenas que asistan ao certame. Un lugar no que, a diario, non faltarán xogos, obradoiros e agasallos.


Así, terá o seu espazo de horto no que se desenvolverá o taller “Da leira á cociña”, orientado a espertar entre as crianzas o interese polo mundo das plantas. A actividade ensinaraos a diferenciar especies, coñecer cales son as que, polas súas necesidades, mellor medrarían en Ferrolterra, descubrir curiosidades, e plantar un exemplar.

A programación incluirá ademais obradoiros creativos, centrados na creación de flores de papel de seda, e un taller de radio, durante a tarde do xoves, no que os nenos e nenas poderán mostrar os súas aptitudes para trunfar no mundo da comunicación, converténdose en enviados especiais a Equiocio.

PequeOcio disporá a maiores dun espazo lúdico, no que os pequenos e pequenas poderán esquecerse das consolas e reencontrarse con xogos tradicionais como o futbolín ou as damas, fabricados en madeira de forma artesanal, e unha área para traballar cos menores de entre 3 e 6 anos a súa psicomotricidade. A programación incluirá o espazo Bebé Gadis cunha tómbola na que se sortearán distinto agasallos e produtos de Gadis.

Finalmente, completará a oferta o cine ao aire libre. Será o mércores 5 de agosto, como antesala do certame. Alí, nas Cabazas, proxectarase o filme familiar “Uno más en la familia”, a partir das 22.30 horas e co abrigo do ceo de Covas.


A SEGURIDADE, POR RIBA DE TODO

Durante a sinatura, Pérez-Lago agradeceu a colaboración de Gadisa e subliñou que Equiocio será un evento seguro, debullando as rigorosas medidas fronte ao covid-19. Nesta liña, detallou que en PequeOcio, onde será obrigado o uso de máscaras e xel hidroalcohólico por parte de monitores e asistentes, reorganizáronse os espazos de circulación para garantir as distancias de seguridade, realizaranse ata catro desinfeccións diarias dos elementos de xogo, e haberá restricción do aforos. Por exemplo, os talleres terán un máximo de tres participantes por quenda. E a zona de xogos, un máximo de 12 nenos e nenas á vez.

45 vistas
  • Facebook - White Circle
  • Instagram - White Circle

Club Deportivo · Deportes y Ocio · Organización